Mié. Oct 30th, 2024

ORIXE DAS XORNADAS VALLE-INCLÁN

VALLE-INCLÁN COMO PROTAGONISTA

Cumprense 24 anos xa das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán promovidas polo Museo Valle-Inclán e A Pobra do Caramiñal. Experiencia valleinclaniana organizada en paralelo nas vilas natal (Vilanova da Arousa) e adoptiva, residencial e devocional de madurez (A Pobra do Caramiñal), divulgando o ronsel biográfico, literario e familiar daquel galego extraordinario ao que Alfonso R. Castelao, amigo e colaborador seu, define en 1939 como “o mellor artista da España contemporánea”, e igualmente, como “o mellor artista que pariu Galicia”. Era e segue a ser fundamental lembrar o xenio e a figura dun escritor clave das letras no século XX, creador de obras ambiciosas que son referencia na literatura mundial.

É dato pouco coñecido que non foi limitada á Pobra se non que tivo lugares ao ancho e alto de Galicia a primeira edición desta iniciativa.

Previndo a manipulación do grande artista por espúreos intereses políticos de ámbitos locais como a tentadora apropiación indebida da súa figura ilustre por unhas ou outras siglas deste país cainita, sempre que foi posible, é dicir, na medida en que as administracións galegas colaboraron ou negaron axudas ao proxecto, creámolas centradas en reivindicar o prestixio institucional e a importancia comunitaria que debera ter o Museo Valle-Inclán do Caramiñal, decano do país. Popularizándoo segundo os medios e facilidades acadadas. A iniciativa de crear estas Xornadas como a súa posta en marcha corresponde ao fillo do escritor, don Carlos del Valle-Inclán Blanco, e con el ao seu neto, Xaquín del Valle-Inclán Alsina e á miña humilde persona, coa implicación efectiva de quen era entón alcalde, Isaac Maceiras Rivas.

Concebimos estas Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán como o ciclo maior dun outono cultural daquela apenas sen programación. Destinadas a todos os públicos. De carácter aberto e participativo. Dinamizadoras do tecido asociativo de base no ámbito galego á vez que, en paralelo, como ocasión especial para achegar ata A Pobra e O Barbanza esas compañías teatrais que ofrecen a Valle-Inclán nos seus programas escénicos e xiras polas comunidades de España.

En xullo de 1999, coincidindo co cambio a un novo ciclo político no Concello pobrense, o público barbanzá pudo asistir á primeira das representación de teatro valleinclaniano que se sucederían nestas dúas décadas. “Los cuernos de Don Friolera”, un dos principais esperpentos do mestre e texto escrito no Casal da Mercé, dramatizado con gran acerto e notable éxito pola Compañía de Teatro Clásico de Madrid. Non foi esaxero da prensa cando dixo que as gradas e as sillas auxiliares instaladas no polideportivo municipal da rúa Venecia estaban repletas de espectadores. Xa logo promoveuse a adquisición do antigo cine ELMA e a súa conversión nesa sala de teatro como necesaria instalación cultural.

Na Pobra, sucesivas compañías escénicas con repertorio propiamente valleinclaniano, procedentes de Madrid, Sevilla, Barcelona, La Rioja, Asturias, Ferrol, Santiago de Compostela, Noia Rianxo, Ribeira, Vilanova da Arousa, A Pobra do Caramiñal etcétera desenvolveron as súas actividades e as súas propostas teatrais. En versións española orixinal ou en traducción galega ofrecemos as principais teatralizacións e adaptacións de obras maestras do universal escritor: “Los cuernos de Don Friolera”, “Divinas palabras”, “Luces de bohemia”, “Tirano banderas”, “Romance de lobos”, “Para cuando son las reclamaciones diplomáticas?”, “Retablo de la Avaricia, la Lujuria y la Muerte”, “El yermo de las almas”, “O meu bisavó”, “A cabeza do dragón”, “Farsa e licencia da raíña castiza”, a serie de curtas de ficción galegas etcétera. Escolares e público familiar eran, para nós, prioridade. Semente de novos lectores/as.

Deben ser postos de relevo igualmente os concertos, os recitais de textos musicalizados, as presentacións de discos, as lecturas públicas ou as visitas dinamizadas por actores e músicos. Citemos nomes artísticos como Lauda Sion, Barahúnda, Cris Román ou Eva Veiga. Esta última, xunto co grupo Ourol e con Alfonso Costa como escenógrafo, protagonista de veladas marabillosas con interpretación, canto e música instrumental consagradas a ofrecernos en primicia toda esa espiritualidade preciosista de “La lámpara maravillosa” e do poemario intimista das “Claves líricas”. Outros viñeron detrás.

O público do Barbanza, da Pobra do Caramiñal, e, en especial o Museo Valle-Inclán, para o que creamos e programamos estas Xornadas de promoción durante máis de dúas décadas de edicións ininterrumpidas, son os destinatarios da colaboración permanente ofrecida por entidades como as AA CC. Eiradela e Teatro Bradomín da Asociación de Amas de Casa, Airiños Teatro, Tatana Teatro, Títeres Cachirulo, Teatro En Punto, e individualidades artísticas de altos vóos, como Roberto Leal, Marta Pazos, Gema do Carmo, Fátima Rey, Quico Cadaval, Sergio Pazos, “Farruco” etcétera. Sempre dispostas a involucrarse e a colaborar para afrontar estas Xornadas Valle-Inclán ás duras e ás maduras, facilitáronos acceder ao público xeral, familiar, xove e escolar. Un alumnado que en décadas, –e antes mais que hoxe–, visitaba esa Casa Museo, a Ruta valleinclaniana, A Pobra e as localidades do Barbanza. IES e colexios non só da Vila se non chegados de toda Galicia e de Universidades Ibéricas, as cátedras e centros de estudo Valle-Inclán do país e británico, como varias de Norte America. Un orgullo comunitario.

A primeira ofrenda institucional celebrouse na Alameda, nos “Xardíns Valle-Inclán”, fronte ao retrato do monumento que honra a don Ramón del Valle-Inclán, erixido en 1976, sendo alcalde Segundo Durán Casáis.

365 DÍAS, 364 IMAGENES, OCTUBRE 2022Cruceiro da Banda.Cruceiro Cristo do Pichón.
Iglesia de Santiago do Deán

#caramiñal#desdepobra#aguiar#imÁgenes#lugares#arenales#xigantes#cabezudos#semana santa #nazareno#PobraDoCaramiñal #desdepobra #DesdePobra #gallicia #españa #buentiempo #hombre #mujer #fashion #viaje #vacaciines #vacaciones #altacilidad #calidad #clasico #clasica #diseñoclasico#TurismoAPobradoCaramiñal #ocio #lecer #experienciademarisqueo #ríodasPedras #rutasenbarco #Galicia

Por admin

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies