O SÉCULO XV
Existiu no colateral do Evanxeo unha capela dedicada a Santo Antón Abade, fundada no ano 1464 polo célebre cabaleiro Estevo de Xunqueiras cumprindo unha manda piadosa disposta polo seu pai, Martiño Rodríguez de Xunqueiras. Era recinto funerario e oratorio á vez, un dobre uso práctico e habitual entón, debendo ser entendido como o proto-panteón da súa estirpe fidalga na florecente vila, porto e freguesía da Pobra do Deán. Idea poucos anos despois abandonada ao trasladarse a comunidade de freires
da Observancia dende o primitivo cenobio de San Xoán da Misarela á parroquia de Sta. María do Xobre, e fundar alí un convento da Orde Franciscana dedicado a Santo Antonio de Padua, a partir de 1474. O propio Estevo sería testemuña privilexiada daquela outra fundación e axudaría, discretamente, achegando os seus donativos para a construción da capela maior da comunidade relixiosa, razón pola que foi sepultado nela dentro dun magnífico sepulcro, xunto con Tareixa Vázquez, a súa segunda esposa, e Tareixa, filla súa, e logo deles varios dos principais señores que lle sucederon.
Daquela desaparecida capela de Santo Antón Abade quedan algúns importantes testemuños, os que son, unha lauda brasonada con epígrafe, peza conservada no Museo de Pontevedra, e unha imaxe labrada en pedra policromada de Santo Antón Abade, trasladada e embutida torpemente nun contraforte da capela de Alba cara ao 1944. Sabemos polos libros parroquiais que no seu altar oficiábase a perpetuidade unha misa semanal instituída pola Casa de Xunqueiras no mesmo século XV, baixo o seu padroado e coidado aínda a principios do século XIX, prevíndose aos seus capeláns que «en todos los viernes del año se deben celebrar una misa rezada, por cuia obligación cobra el cura la renta de santa Baia y la de la feligresía de santa Mariña de Junio que pagan los curas de aquella Yglesia a los de la Villa de la Puebla».
Nesta lápida lemos a inscrición que trasladamos liñas adiante. Chamaremos a atención pola tripla intencionalidade das súas informacións. No seu inicio, a redacción do texto obedece á idea de monumenta, é dicir, como recordatorio de quen e de porque funda unha capela privada dentro dun templo parroquial. No seu desenvolvemento, oriéntase cara ao carácter de epitaphium, é dicir, como referencia funeraria e do uso sepulcral do recinto. Pero ambos significados conflúen nunha motivación principal, con intencionalidade de orde dinástica, é dicir, en que por ela os fregueses identifiquen o cabaleiro comitente das obras como lexítimo sucesor no uso do título do seu señorío. É así como, ademais de por documentos de atados con séculos de historia, sabemos con exactitude que o goberno de Estevo de Xunqueiras sobre o estado do seu apelido comprende cincuenta e tres años, entre 1464 e 1517.
O epígrafe, texto de formulación e letra góticos, di así:
ESTA : CAPELLA : FIZO : FAZER : ESTEVO : DE : JUNQUEYRAS : POR : MANDADO : D[E] : SEU : PADRE : MARTIN O : RS O : LLACALLO : DE : EL : REY : [QUE] IAZ : AQ[UI] : ÇEPULTADO : ERA D[E] : MILL : CCCC : LXIIII : AN[N]OS :
Trasladado a galego actual: «Esta capela fíxoa facer Estevo de Xunqueiras por mandado do seu pai, Martiño Rodríguez, lacaio do rei, que xace aquí sepultado. Era de 1464 anos».
En confirmación do valor de exemplum que persegue a inscrición que acabamos de ler, a exhibición das armas da Casa, o seu apelido e os seus entronques, como referentes da categoría e condición fidalga da fundación, evocan o mundo da vanitas: o cabaleiro e os elementos simbólicos que o inmortalizan socialmente na posteridade.
O escudo ostenta nos seus cuarteis os seguintes brasóns:
Primeiro. XUNQUEIRAS: de prata, un feixe de xuncos de sinople.
Segundo. SOUTOMAIOR: de prata, tres faixas xaqueladas de goles e ouro de catro
ordes, cargadas cada unha cun cinguidoiro de sabre.
Terceiro. MARIÑO: de prata, cinco faixas ondadas de azur.
Cuarto. XUNQUEIRAS: de prata, un feixe de xuncos de sinople.
Estes brasóns complementan o seu deseño cunha divisa. Estevo que, polos seus feitos, mereceu o sobrenome de «león de Xunqueiras», quixo que fose precisamente este felino, polas súas calidades temperamentais e morais, o tenante do escudo que nos ocupa, figura heráldica representada de medio corpo e en perfil. Ante si, en lugar preferente por tanto, exhíbese o brasón do Reino de Galicia, confirmando a súa notable antigüidade: a sagrada forma, á altura do fociño, e o cáliz, suxeito coa pata sinistra. No seu oposto, a gadoupa da destra desenrola unha cinta que serve de campo para o desenvolvemento dun segundo epígrafe, lema cifrado ou de difícil lectura.
QUEM : EL : Q[U]E : COMER : NO[N] : [L]LE ATANE : MAL O : AL[L]AR : EN ALMOEDA
Expresión que no galego actual viría a dicir: «A quen o que comer non lle atinxe mal o atopará en almoeda». A que cabe interpretar como guieiro do espírito activo e combativo de quen fai gala de exhibilo. Lembremos ditos populares que son a equivalencia ou inciden na mesma idea do noso protagonista: «O que non ten afán non consegue nada», «A nugalla non come pan nin durme na palla», «A dilixencia non quer preguiza nin quer paciencia», entre outras.
Evidente reliquia de tempos góticos
Contemporáneo a aquela primeira capela de Santo Antón Abade e, sen dúbida, relacionado co seu uso como oratorio funerario da Casa dos Xunqueiras, é o interesante púlpito do templo de Santiago da Pobra do Deán. Este ambón antigo, igualmente labrado en pedra de grao fino, é boa mostra do mobiliario litúrxico medieval só comparable, quizás, con outro conservado na igrexa de Santiago de Padrón, datado este último exemplar entre os gobernos eclesiásticos dos arcebispos Alonso de Fonseca I e Alonso de Fonseca y Acebedo II (1460-1507). En ambas pezas destaca o emprego de deseños seriados para decorar o seu antepeito, abstracción de formas vexetais suxeita a simetrías, característica do tardo gótico peninsular. Porén, as diferenzas entre un e outro son notables.
Aquí a estrutura está completa. Un alto pé reforzado en escuadra dá soporte a unha plataforma elevada. A isto engádese un dos aspectos máis sobresaíntes deste púlpito: a súa base poligonal exhibe unha composición iconograficamente significativa e os seus plafóns trazan fitomorfos calados, en parangón cos que fermosean a lápida cenotafio de Martiño Rodríguez xa estudada.
A representación da copa do seu estrado co Tetramorfos, os símbolos identificativos de cada un dos Evanxelistas, anoados por un groso sarmento e flanqueados entre acios de vide, é esa clave simbólica e emblemática excepcional para poñelo en relación coa narrativa daquela capela, ao ilustrar a esperanza na salvación da alma proclamada pola revelación de Cristo e recollida polos textos canónicos atribuídos a
Marcos (león), Lucas (touro), Xoán (aguia) e Marcos (anxo), os que compoñen o Novo Testamento. Un saber que se organiza como parábola bíblica: Xoán, 15.5, «Xesús, a Vide verdadeira»; Mateo, 20.4-16, «Os obreiros da viña». Mensaxe que se fai definitiva na institución da Eucaristía: Marcos, 14, 12-25; Lucas, 22, 7-23; Xoán, 13, 21-30; Mateo, 26, 17-29.
Nas Idades Media e Moderna a práctica da fundación de obras pías e o cumprimento de mandas de carácter relixioso acrecenta a importancia social do cabaleiro dentro da súa comunidade e permite establecer as súas calidades morais e as súas pautas de conduta, entre as que destaca a mímese de heroes antigos. A institución da misa ad aeternum que «en todos los viernes del año» debían celebrar os capeláns a renda da Casa de Xunqueiras, invístese de mérito espiritual: desenvolve o valor de acto psicopompo, é dicir, de guía da alma máis aló da morte e que conduce ata a resurrección, de memoria destinada aos homes sobre as virtudes do defunto, e engade o sentido de apotropaico ou protector de espazos funerarios, ata a resurrección.
Poñémolo en directa relación co obradoiro de escultura que labrou a serie de capiteis dispostos na nave da igrexa. A pesar do seu porte solemne e da súa figuración en relevo este púlpito, obra gótica de c. 1464, apenas foi obxecto de atención ata o estudio que comparto cos lectores.
O SÉCULO XVI
Especiais na Terra de Santiago e nos seus portos teñen sido os procesos de crisis de subsistencia con fenómenos de tipo epidémico, fosen estes de peste ou outras enfermidades importadas por contaxio a causa das relacións mercantís das Rías Baixas con Sevilla e Portugal. Por estes lares rexístranse sucesivas ondadas de mortalidade catastrófica no século XVI e aínda logo. Fronte ás graves turbulencias de brotes esporádicos, os peores anos, de fame xeral e pestes en serie documéntanse en 1567 e 1568, na crise poboacional do período de 1573 a 1579, moi grave de novo a de 1581, para concluír a centuria coa «gran peste atlántica» de 1598.
Pensemos no impacto social de tales circunstancias. No ciclo de contaxio epidémico sen causa nin remedio coñecidos, de alarmante mortalidade, de miseria e de pánico sobre as xentes. Era imperativo para a mentalidade da época sacrificarse e consagrarse a un ser superior, á intercesión persoal e colectiva ante deus por mediación dunha sorte de santos protectores, que alcanzan a consideración de avogados ante a enfermidade e as súas desgracias.
POR ANTONIO GONZALEZ MILLAN.
PUBLICADO EN O BARBANZA
#caramiñal#desdepobra#aguiar#imÁgenes#lugares#arenales#xigantes#cabezudos#semana santa #nazareno#PobraDoCaramiñal #desdepobra #DesdePobra #gallicia #españa #buentiempo #hombre #mujer #fashion #viaje #vacaciines #vacaciones #altacilidad #calidad #clasico #clasica