Publicamos dúas novas imaxes da fototeca histórica deste Museo. De seguro que serán un bo aperitivo para estimular a curiosidade e as inquedanzas: para coñecer mellor o patrimonio comunitario da Pobra do Caramiñal.
Como vemos os monumentos son edificios de vida propia a carón da finita vida humana: créanse, sofren reformas, adaptacións e, no peor dos supostos, destruccións en todo ou en parte. Son testemuñas parlantes de períodos de progreso ou ocaso da localidade, tocados polo ritmo lento pero imparable dos tempos.
Herdámolos dun pasado construido polos ideais de xeracións que nos precederon. Como herdeiros somos responsables de garantir a súa salvagarda no presente e de conservalos para transmitilos como parte visible dese tesouro cultural que son. Como símbolos do que somos e que nos sucederán nun futuro.
Ben sabemos que, para casi todos/as, esta será a primeira vez que vexades estas imaxes. Compartíndoas agardamos que vos xurdan preguntas: interrogantes inspiradas no mundo ao que pertencemos por razóns xeográficas, humanas, históricas e de pensamento: De onde vimos? De onde nos veñen? Dende cando así, antes a diferencia de agora? Cara onde vamos? Cara onde nos van?
Por Antonio Gonzalez Millan